Casas da neve
Descobre lugares sorprendentes e coñece todos os seus detalles para ser un experto en Xunqueira de Espadanedo.
Todos os datos e información detallada para que o coñezas como a palma da túa man.
Casas ou pozos de neve son algúns dos nomes que reciben as antigas construcións de pedra escavadas na terra dedicadas ao almacenamento da neve para a súa posterior transformación en xeo e o seu aproveitamento ou comercialización para usos terapéuticos, de conservación de alimentos ou fabricación de refrixerios.
Durante séculos, e ata o fin da Idade Moderna (s. XVIII), os neveros situados no noso municipio abasteceron de xeo á poboación e clero tanto local como provincial.
Abandonados desde hai 200 anos, actualmente consérvanse no noso municipio, grazas á súa recente recuperación, dúas " casiñas da neve".
A orixe destas estruturas hai que situalo na “Pequena Idade do Xeo”, definida pola NASA como o período de tempo comprendido entre mediados do século XVI e comezos do XVIII.
Desde 1550, e ata 1850, a temperatura media do hemisferio norte descendeu aproximadamente 1º C, derivando nunha maior cantidade de neve que chegou a serras de menor altitude.
Este feito impulsou, por parte das distintas institucións (fundamentalmente relixiosas e mosteiros cistercienses), a construción de “pozas” e “ neveiras”.
Existe documentación contrastada dos séculos XVII- XIX onde se informa da existencia de “pozos da neve” na Serra de Cabeza de Meda.
Durante séculos, e ata o fin da Idade Moderna (s. XVIII), os neveros situados no noso municipio abasteceron de xeo á poboación e clero tanto local como provincial, sendo dous deles propiedade do Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo, un da cidade de Ourense, e o resto pertencentes a outros mosteiros da Ribeira Sacra, como o de Santa Cristina ou Santo Estevo, así como a particulares.
Construídas en pedra, existen dúas tipoloxías, aínda que son indisolubles e están estreitamente relacionadas. As “pozas” son estruturas anexas ás “neveiras”, tendo como fin a recolección da neve recentemente caída antes de que o sol ou a choiva a derritiesen.
Esta neve é a que se trasladaba posteriormente á construción adxacente co nome de “neveira” para ser almacenada, alternándoa entre capas de palla que axudaban á correcta preservación do xeo, algo esencial para o seu consumo e uso durante os meses estivais.
+ Espadana permíteche descubrir novos contidos sorprendentes e actualizados nas páxinas e canles oficiais do municipio ou dos nosos provedores.
Atópao todo en redes sociais, aplicacións e websites especializadas.